A nosa galería

De xeito colectivo, crearemos un espazo de exposición de arte coas obras que consideremos máis representativas dos distintos movementos artísticos e autores/as dos últimos douscentos anos. Recompilaremos, de maneira ordenada, as pinturas e presentarémolas brevemente.

Para ir enchendo o sitio (ao que nos dará acceso o profe), seguiremos o seguinte proceso, que repetiremos ata incluír cada un de nós unha obra en cada movemento artístico (como mínimo).

1. Mergullamos na Cidade da pintura ou na Wikimedia para escoller unha obra de determinado movemento ou estilo cultivado nos séculos XIX, XX ou XXI. A escolla debe basearse en criterios estéticos e de relevancia histórico-artística. Unha vez elixida a pintura, prememos para ampliala e tomamos a súa url (sobre a imaxe, botón dereito, copiar url da imaxe).
2. Agora haberá que inserila no espazo do noso museo, creando unha nova anotación con estas características:

  • O título da anotación conterá o nome do autor e, tras dous puntos, o título da pintura (por exemplo, DALÍ: A persistencia da memoria)
  • A imaxe da obra inserirase con Engadir imaxe > de URL
  • Farase unha etiquetaxe adecuada: marcando a categoría á que pertence a obra (será o movemento artístico) e incluíndo o nome do autor nas etiquetas

3. Traballamos o contido da anotación cun breve comentario que situaremos a seguir da imaxe e que conterá:

  • Características externas da pintura: o material e soporte (óleo, gravado…) e, se for relevante, as dimensións.
  • Data de creación e localización actual da obra (onde se atopa: museo, cidade).
  • Características plásticas: tema (paisaxe, escena, retrato…), composición (distribución simétrica ou non dos elementos), perspectiva (con identificación das técnicas para dar sensación de profundidade: sombreado, gradación das cores, variación de tamaño…), uso da cor (cálidas ou frías) e tratamento da luz (focos, contrastes). Temos un apoio con exemplo neste pdf.
  • Na medida do posíbel e sempre de xeito moi breve, contexto histórico social no que xurdiu a obra (características do período histórico que puideron influír na súa creación) ou feitos históricos que se aprecian na pintura.
  • Se é moi relevante, o seu valor artístico dentro do movemento ao que pertence e dentro da produción do autor.

Publicamos e repetimos o proceso con outra obra.

Crea unha campaña

Imos desenvolver esta secuencia didáctica para crear unha campaña sobre a violencia de xénero. Farémolo publicando as producións intermedias e final nesta rede compartida para desenvolver a competencia en lingua galega.
As enquisas realizaranse, cando corresponda (actividades 1 e 2), aquí e mais aquí.
Pódense empregar como ferramentas alternativas ás propostas na secuencia:

Imaxes e claves da historia contemporánea

A miña biografía

Outra actividade complementaria.

Crea unha biografía, real ou imaxinaria, en Tikatok, modificando o texto en inglés ofrecido e engadindo todos os elementos complementarios que desexes para ilustrar ao xeito a «túa» personalidade.

Non precisas abrir conta. Farémolo coa nosa compartida.

Os meus sitios preferidos

Tamén como actividade complementaria, preséntanos un muro cos teus espazos preferidos, visitados ou non. Zonas, cidades, monumentos, parques, paraxe especial… o que ti queiras. Sitúaos brevemente e recolle algúns vídeos, imaxes, cancións, presentacións, ligazóns… adecuados para que todos/as nos poidamos achegar a eses sitios.

Faino en Wallwisher

Etapas e feitos principais da Idade Contemporánea

Imos realizar, entre todos, unha liña do tempo de toda a Idade Contemporánea. Incluiremos tanto as distintas etapas como os feitos máis relevantes, que distribuiremos entre os diferentes grupos que crearemos na aula.

Unha vez repartido o labor, cumprirá investigar para saber caracterizar e explicar que aconteceu, por que aconteceu e que consecuencias tivo cada fenómeno. Faremos as procuras nesta serie de presentacións e esquemas, en Clases de historia, en Xeografía e Historia e, tamén, na Wikipedia: cronoloxía, etc. Obviamente, haberá que ler con atención e extraer a información fundamental.

Ao tempo, compartiremos a edición en TimeRime, que permite incluír marcas de espazos temporais (as etapas) e mais eventos concretos (os feitos), tal como se observa no exemplo de abaixo.

Incluiremos, aproveitando ben a información seleccionada, os seguintes elementos:

1. As etapas que nos correspondan, acompañadas dunha breve caracterización.

2. Os feitos históricos (eventos) que nos toquen, situados no tempo (ano, como mínimo) e só con:

  • Descripcion breve (só se aceptan unhas dúas liñas no espazo correspondente, así que sintetizaremos ben)
  • Imaxe (axeitada e libre)
  • Causas do feito histórico (no editor)
  • Consecuencias dese feito (no editor)
  • Opcionalmente, audio e vídeo incrustado que poidan ilustrar o feito

Temos un modelo na etapa das grandes revolucións e mais no evento da Revolución francesa da nosa liña do tempo (premede nos elementos para ver os contidos).

O guión do traballo colectivo é o que se recolle a continuación.

ETAPAS:
- S. XVIII: O SÉCULO DAS LUCES: A ILUSTRACIÓN
- 1789 –1870 : CONSTRUCIÓN DO MUNDO CONTEMPORÁNEO E 1ª REVOLUCIÓN INDUSTRIAL
- 1870 – 1914: A ÉPOCA DOS IMPERIALISMOS E A 2ª REVOLUCIÓN INDUSTRIAL
- 1914 – 1945: DA PRIMEIRA Á SEGUNDA GUERRA MUNDIAL
- 1945 – 1989: CARA AO S. XXI
- 1989 – 2011: UN MUNDO GLOBALIZADO
Feitos básicos:
> – 1776: Declaración de Independencia de EEUU [fonte específica]
> – 1781: Máquina de vapor ( Rev. Ind. ) [fonte específica unhadúastrescatrocinco (con mapa) e seis] [imaxe para inserir]
> – 1789: Revolución Francesa [feita]
> – 1815: Congreso de Viena
> – Revolución de 1820, 1830, 1848 [fonte específica unhadúas e tres]
> – 1848: manifesto comunista ( Marx )
> – 1861: Unificación de Italia [fonte específica]
> – 1864: I Internacional ( AIT ) [fonte específica]
> – 1871: Unificación de Alemaña [fonte específica]
> – 1884: Conferencia de Berlín (expansión colonial e reparto de África) [fonte específica -colonialismo-, dúas (5 páxinas)]
> – 1914-18: I Guerra Mundial [fonte específica unhadúastrescatrocinco e seis]
> – 1917: Revolución Rusa [fonte específica unhadúastrescatrocincoseissete e oito]
> – 1919: Tratado de Paz de  Versalles
> – 1920: Sociedade de Nacións [fonte específica]
> – Crack de 1929 [fonte específica]
> – 1924: Mussolini ( fascismo) [fonte específica unhadúastres e catro] [mapas das causas undous]
> – 1933: Hitler ( nazismo ) [fonte específica unhadúas e tres] [mapas das causas un e dous]
> – 1936-39: Guerra Civil española [fonte específica unha e dúas (5 páxinas)]
> – 1939-1975: Ditadura franquista [fonte específica (4 páxinas)]
> – 1945: ONU [fonte específica]
> – 1949: Revolución Chinesa: Mao [fonte específica (p.2)]
> – 1957: Tratado de Roma (Nacemento da Unión Europea) [fonte específica unha e dúas]
> – 1959: Revolución Cubana: Fidel castro e Che Guevara [fonte específica unha e dúas]
> – Anos 50-60: Descolonización de Asia e África [fonte específica unhadúastrescatro e cinco] [fonte para consecuencias]
> – 1977: Primeiras eleccións democráticas en España [fonte específica]
> – 1989: Caída do Muro de Berlín [fonte específica unhadúas e tres]
> – 1991: Desintegración da URSS [fonte específica, dúas e tres]
> – 1991: Guerra do Golfo [fonte específica]
> – 1991: Fin do Apartheid [fonte específica]
> – 2001: Atentado Torres Xemelgas N.Y. [fonte específica unha, dúas e tres]
> – 2003: Invasión de Irak

Realizadores de cinema

Unha actividade paralela: a elaboración dunha pequena peza cinematográfica, con sentido, aínda que sexa paródico.

A planificación está condicionada polas secuencias que nos ofrece a ferramenta ClassikTV. Escollemos e trasladamos ao editor os fragmentos e escribimos para cada un deles os subtítulos (en lingua galega; ollos cos tiles). Logo podemos engadir música e efectos. Ao final gardamos, tomamos a url e presentamos a peza, ligándoa, no blogue.

Mapa de historias


Imos fixar no tempo e no espazo, así como presentar, distintos feitos históricos dos dous últimos séculos que comparten algunha característica común.

1. Escollemos unha temática na que centrarnos. Propoñemos facer un reparto de, cando menos, as seguintes:

  • feitos revolucionarios (das revolucións sociais e políticas)
  • avances científicos e tecnolóxicos (inventos, construcións…)
  • conflitos bélicos (enfrontamentos armados, guerras)
  • personaxes destacados (monarcas, políticos, pensadores…)
  • feitos incríbeis, curiosos, fazañas colectivas…
  • producións das artes (arquitectura, pintura, música…) e as letras

2. Procuramos os feitos históricos máis destacados dese ámbito e facemos unha escolma duns 15 como mínimo, repartidos en toda a franxa temporal dos últimos 210 anos (ou sexa, non poden ser todos da última década, poñamos por caso).

3. Investigamos para poder extraer:

  • a data concreta de cada feito escollido (día do mes e ano)
  • o espazo xeográfico preciso no que se desenvolveu cada un deles
  • os datos básicos necesarios para poder facer unha presentación breve pero explicativa, que teña en conta as causas e consecuencias do que aconteceu
  • algunha imaxe e/ou vídeos complementarios

Espazos de apoio: Wikipedia (Idade contemporánea, Contemporánea en Galiza, etc.), CriticalPast.

4. Ao tempo, imos creando as liñas do tempo en Dipity, incluíndo todos os elementos anteriores. Comprobamos que fica ben en cada modo de visión: liña do tempo por defecto, tipo libro-calendario, mapa.

Para ver as posibilidades da ferramenta, poden observarse estas producións:

Unha vez elaborado o mapa temporal, incrústao no teu blogue. Ademais, debaixo liga e presenta -tras velas e realizar as actividades ao completo- estas animacións: as contradicións do mundo contemporáneo e mais unha viaxe polo século XX.
Logo podes repasar aquí.

Viaxar para aprender

Pechamos o curso cunha recomendación que cadaquén realizará no seu blogue. Trátase de presentar o wiki no que estivemos traballando e mostrar a nosa preferencia á hora de viaxar.

Farémolo creando estes elementos:

1. Título da anotación en relación coas cidades e cabeceiro do corpo, que será unha imaxe tomada do wiki na que inseriremos unha ligazón a ese espazo.

2. Presentación breve do wiki: nome (con ligazón tamén), páxinas que contén, contidos que ofrece, autoría. E tamén valoración da súa utilidade.

3. Opción persoal no caso de poder organizar unha viaxe: que cidade escolles e por que. Cómpre argumentar ben baseándose na información accesíbel desde o wiki.

4. Peche: un argumento engadido, a posibilidade de coñecer novas linguas. Nun parágrafo, indicas que esa viaxe tamén permitirá desenvolver a nosa competencia comunicativa ao entrar en contacto coa lingua X falada nesa cidade, e mesmo coas presentes en todo o Estado ao que pertence. Desas linguas daremos, entre paréntese, os datos básicos: número de falantes e territorio. [Se a cidade recomendada está no Estado español, cumprirá adaptar isto]. Accedemos aos Mapas Vivos para tomar a información necesaria.

5. Categoría e etiquetas (tags) axeitadas e mais revisión lingüística antes de publicar.

Cidades para visitar

Imos explorar, para guiar a súa visita, algunhas cidades non moi grandes e que manteñen zonas históricas de interese. Intéresanos sobre todo dar información clave, conxugando o visual co discursivo, sobre:

- onde está a cidade
- como é: zonas e trazados urbanos
- que se pode ver: que restos históricos principais hai e como son

Para iso, tras escoller algunha das cidades propostas máis abaixo (repartíndoas entre nós; o profe tamén fará unha: Pontevedra), realizaremos o seguinte:

1. Unha ficha que conteña a súa localización: zona xeográfica do planeta, país, estado, provincia…

Haberá que atopar a cidade con Google Maps e centrar eses elementos. Logo incrustaremos o mapa tomado desde unha altura de 13 ou 14 puntos (100 / 200 Km na referencia da escala inferior), co código de Ligazón > HTML

2. Descrición glogal da cidade: por que zona se espalla (ás beiras dun río, no val…), as partes que ten (zona monumental, zona comercial, zona residencial…) e as características do seu urbanismo (presenza de zonas verdes, vías de comunicación…).

É moi importante achegar algunha imaxe resultado dunha captura de pantalla do Google Maps na que se vexa o casco urbano da cidade e, a partir dela, describir o que se observa. Non valerá de nada copiar a descrición da wikipedia ou doutro sitio!

3. Lugares históricos de interese: monumentos de distinto tipo, como mínimo seis.

Buscaremos no propio Google Maps, nas súas diferentes opcións (satélite, earth, street view…) e complementos (Panoramio, accesíbel desde Explorar a área > Máis fotografías), restos e edificios históricos significativos. Escollemos varios, cando menos media ducia, e presentámolos. Para iso, poñemos unha imaxe (da que citaremos a url) e un pé de foto para cada unha que informe de:

  • o nome do monumento,
  • o século ao que pertence,
  • o estilo arquitectónico

Neste caso, si que será preciso consultar a wikipedia e outras fontes.

Tamén faremos, editaremos e achegaremos unha imaxe que mostre onde está cada monumento escollido e a ruta para visitalos.

4. Máis información: ligazón a páxinas web oficiais para o turismo desas cidades.

Procuramos a páxina do «concello» ou as de turismo local/nacional e ligámolas. Se nelas atopamos elementos multimedia interesantes (un vídeo, un slide…), podemos incrustalos.

As cidades propostas son:

  1. Berna
  2. Bremen
  3. Donostia (San Sebastián)
  4. Edimburgo
  5. Florencia (Firenze)
  6. Lijiang
  7. Pontevedra
  8. Porto
  9. Saint-Malo
  10. Salamanca
  11. Siena
  12. Tombuctu
  13. Uviéu (Oviedo)

Esta guía colectiva farémola no wiki (entramos nel para editar) Cidades para visitar.

Olark Livehelp

WordPress Themes