Presentación dun vídeo
Vas presentar nunha nova anotación do teu blogue un vídeo que garda relación cos retos do século XXI que estamos a traballar na aula. Para facelo, atende unha a unha as seguintes indicacións, polo que ao acceder á administración da túa bitácora (faino xa) non peches esta pestana/ventá do navegador.
1. PLANIFICACIÓN
1.1. Tras ver a entrevista que aparece a seguir, recolle no editor dunha nova anotación (que titularás Cultura de paz) os seguintes datos que logo empregarás:
- Quen é o entrevistado (nome e organización que preside)
- Cal é o nome do programa do que forma parte esta sección chamada Entrevista e a que televisión pertence
- Que feito de actualidade motiva a realización da entrevista
- Que motivou a creación do documental do que se fala
- Que deberan facer os medios de comunicación para fomentar a cultura da paz
1.2. Resolve estas cuestións de comprensión e escribe no mesmo borrador do teu blogue estas preguntas (coas súas respostas correctas):
- “Segundo Manuel Dios, o concepto cultura de paz refírese a educación para a paz, dereitos humanos e democracia, mais tamén a:”
- “Cal é a realidade máis agachada e violenta que nos descobre o entrevistado? “
- “Ante a situación mundial, que teñen que facer os Estados e a ONU? “
2. ESCRITA
2.1. Utiliza a anterior información, nesa orde, para introducir o vídeo con dous parágrafos curtos. Faino así:
1º parágrafo.
Emprega os datos básicos tomados en 1.1. para ofrecer unha visión xeral do contido do vídeo. Podes guiarte por estas notas (escolle unha opción cando aparezan varias separadas por “/”):
Recomendo esta entrevista/Interesante a entrevista do seguinte vídeo/ Podes ver a continuación unha entrevista que lle realizaron no programa … [con ligazón á páxina dese espazo televisivo] a … , presidente do … [con ligazón á páxina da organización que preside o entrevistado], a raíz de/ con motivo de/ debido a … Esa creación audiovisual xurdiu co obxectivo de/ fíxose coa intención de/ naceu coa pretensión de … e, nese sentido/ en relación con iso/ nesa liña de propostas, o entrevistado deixa claro que os medios de comunicación poden fomentar a cultura da paz se …
2º parágrafo.
Sintetiza as ideas fundamentais que expón o entrevistado a respecto do que se precisa facer no mundo para avanzar na cultura da paz. Pode chegar con reelaborar as preguntas e as respostas que traballaches no punto 1.2.
Comeza este parágrafo máis ou menos así: Pero, sobre todo,/ Así mesmo,/ De por parte, faise fincapé en …
E introduce o que teñen que facer os Estados e a ONU nunha nova oración e cun conector de causa e consecuencia: Polo que/ De aí que/ Polo tanto/ Por conseguinte …
2.2. Incrusta o vídeo na túa anotación copiando o código Embed e pegándoo na pestana HTML do editor, tras os dous parágrafos que escribiches.
3. REVISIÓN E PUBLICACIÓN
Revisa a lingua, asigna categoría (como presentacións ou vídeos), etiqueta (con, por exemplo: paz, globalización, retos, etc.) e, ao final, publica. Comproba que sae todo ben.
[4. Para nota: fai un comentario na anotación dalgún compañeiro considerando que o entrevistado apunta como responsábeis da situación do mundo os Estados, que gastan en armamento en vez de dar axudas ao terceiro mundo, e ti sabes que o poder mundial é máis complexo; que cres que non se ten en conta na entrevista e é fundamental cambiar?]
1 Comentario
Outras ligazóns para esta anotación
-
Remexer Na Lingua - » Presentación dun vídeo — 16 outubro 2009 @ 12:41 am
RSS semente para comentarios a esta anotación. URI do trackback